28/05/09

A GUERRA CIVIL ESPAÑOLA


Imos comezar o estudo da Guerra Civil española, pero sodes vós quen debedes procurar a información. As primeiras cuestións que tedes que resolver son:
  1. Que é unha república?
  2. Cantos gobernos republicanos houbo en España?
  3. Que é un golpe de estado?
  4. Datas de comezo e remate da Guerra Civil.
  5. Que países asinaron o chamado Pacto de non intervención?
  6. Que países romperon ese pacto e a que bando axudaron?
  7. A Falanxe.
  8. A CNT.
  9. Frente Popular.
  10. As Brigadas Internacionais.
  11. Que lle sucedeu ao escritor británico George Orwell na guerra?

24/05/09

BIOGRAFÍAS

Charles Chaplin e Albert Einstein

Imos realizar un estudo de varias personalidades moi destacadas do mundo da pintura, a música, a arquitectura, a física, a química, a historia, o cine e a literatura. O traballo consistirá en tres tarefas:

  1. Buscaremos información e elaboraremos un resumo das súas biografías.
  2. Localizaremos nun atlas o seu lugar de nacemento e debuxaremos un mapa para situalo.
  3. Procuraremos unha imaxe do noso personaxe e escribiremos unha descripción literaria.
  4. Finalmente, e xa en equipo, realizaremos unha liña do tempo no que situaremos as datas de nacemento e morte de cada un dos biografiados.

Os personaxes que imos coñecer con máis profundidade son:


  • Albert Einstein

  • Jules Verne

  • Ana Frank

  • Charles Chaplin

  • Vincent Van Gogh

  • Pablo Picasso

  • Marie Curie

  • John Lennon

  • Antonio Gaudí

Un consello: nunca empreguedes información atopada na rede sen contrastala antes. Ánimo e a traballar!

17/05/09

LETRAS E INTERNET

Como ben sabedes, hoxe 17 de maio celebramos en toda Galicia o Día das Letras Galegas. Este ano dedícase ao lucense Ramón Piñeiro polo seu activismo cultural e a súa loita polo uso do galego.

Pero a celebración é dobre pois hoxe tamén é o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, rebautizado como Día de Internet, en conmemoración desta mesma data de 1865 en que se fundou a Unión Internacional de Telecomunicacións. A celebración deste ano ten como lema "Protexer á infancia no ciberespacio".

05/05/09

A 2ª GUERRA MUNDIAL NO CINE (1)

Estes días estamos a estudar as causas, etapas e consecuencias da Segunda Guerra Mundial. Coñecida a teoría, pasamos á recreación cinematográfica de diferentes momentos clave no desenvolvemento dos acontecementos.
As primeiras recomendacións son Saving private Ryan (Salvar o soldado Ryan) de Steven Spielberg (1998) e The longest day (O día máis longo, 1962) de Annakin, Marton e Wicki, películas que recrean o Día D: o desembarco dos aliados na costa de Normandía.